segunda-feira, 16 de maio de 2011

A LÓXICA E A LAMEIRA

A eclosión da intelixencia na Grecia do século V parece consumir case toda posibilidade de raciocinio da especie humana. Sendo así, sempre nos valemos da experiencia intelectual daquel tempo, que os árabes gardaron e devolveron a Europa. Non é difícil atopar períodos de eclipse da lóxica e da ética no curso da Historia.

Nos nosos días, personalidades políticas, maiores ou menores, din cousas que só podemos atribuír á carencia intelectual ou a un pervertido insulto á ética, cando non á converxencia das dúas situacións. A propósito de Libia, repítese a vella táctica dos dominadores de perverter as palabras, de torcer a semántica, para facer do correcto, algo errado; e do errado, algo correcto.

O goberno de Gadafi fixo o que todo goberno –de dereitas ou de esquerdas, ditatorial ou democrático– ameazado fai: reaccionou coas forzas das que dispuña. A reacción era proporcionada á sublevación: no inicio, de natureza só policial. Coa escalada da rebelión armada, aparentemente xusta, contra o goberno unipersoal e arbitrario de Gadafi, a violencia da represión tamén medraron.

Os americanos, franceses e ingleses decidiron pedir ao Consello de Seguranza autorización para arrasar a Gadafi. O Consello, coa abstención dos BRIC e de Alemaña, autorizou medidas limitadas á zona de exclusión aérea. Os bombardeos, segundo denuncias respectábeis, teñen sido indiscriminados, tal como aconteceu en Iraq, durante moitos anos, e teñen matado mulleres, nenos e anciáns indefensos.

Intelectuais destacados, mais tamén simples persoas do pobo, mostran indignación contra esa agresión á lóxica da linguaxe. A fin de evitar que os civís sexan ametrallados, bombardéanse as cidades; contra as ametralladoras de Gadafi, dispáranse os mísiles Tomahawk, ao custo de 600.000 dólares cada un. Ao masacre se lle dá o nome de “protección”. Esa distorsión do sentido dos vocábulos é apuntada por observadores no mundo enteiro.

Le Monde publicou un “pequeno dicionario” para entender esa linguaxe disimulada, producida polo sitio web Acrimed. Non se fala de “guerra”, senón de “resposta”, como se Libia agredise algún dos “aliados” e as operacións tivesen carácter defensivo, e non ofensivo; úsase o termo francés “frapper”, para os ataques, cando frapper significa máis tocar, que golpear (“frapper” unha bóla en xogo no fútbol, “frapper” a porta); outro termo usado é o de “frappes non ciblées”, para disimular os bombardeos ao azar, ou sexa, sen obxectivos definidos, ou sexa, para diseminar o terror.

Outra distorsión é chamar “gadafistas” ás tropas do goberno de Trípoli, en lugar de designalas como simplemente tropas leais, en contraponto ás tropas rebeladas. O secretario xeral da OTAN, Andrés Rasmussen, dixo que a resolución da ONU prevé o embargo de armas, e que o deber da Alianza é protexer os civís, non de armalos, como queren Obama, Hillary Clinton, Sarkozy e Cameron.

O presidente dos Estados Unidos comeza a afrontar a oposición do Congreso, polo premura con que determinou a acción militar contra a Libia, sen autorización parlamentar. Mesmo se a operación fose consentida polo Consello de Seguranza da ONU, o emprego de armas e tropas necesitaba da ratificación previa do Congreso. Obama violou a Constitución (art.8, n. 11) e, en tese, tornou en obxecto puníbel dun proceso de impeachment.

A derrota de Sarkozy en Francia é un claro recado do inconformismo dos franceses. En Inglaterra, coas manifestacións de protesta, os cidadáns non admiten que haxa cortes nos gastos sociais, mentres se financian operacións de guerra. Marrocos, que é para Francia como Israel para os EUA, apoia os bombardeos. Os saarauis son os seus palestinos.

Sen a axuda da ética, esa compañeira inseparábel da lóxica, Obama e seus aliados comezan a esvarar na lameira.

Traduzido para galego por

Manoel Santos

ALTERMUNDO.org:

http://www.altermundo.org/libia-a-loxica-e-a-lameira/


Nenhum comentário:

Postar um comentário