segunda-feira, 16 de maio de 2011

A SEMENTE DO MEDO

Os Estados Unidos celebran a morte de Bin Laden, e un ex-embaixador brasileiro considerouna “espectacular”.

É mellor ver a morte de calquera home, bo ou malo, como a morte de parte de nós mesmos. Como no fermoso poema en prosa de Donne, “any man’s death diminishes me, because I am involved in mankind, and therefore never send to know for whom the bell tolls; it tolls for thee”. A morte de calquera home diminúeme, dixo o poeta, porque son parte da Humanidade, e, por iso, non pregunte por quen dobran as campás; dobran por vostede. Todos nós morremos un pouco, cando as Torres Xemelgas caeron abaixo, e todos nós morremos case diariamente cos que caen e caeran en Palestina, en Iraq, en Afganistán, en Costa de Marfil, no Realengo, en Eldorado dos Carajás, na Candelária e nas favelas brasileiras.

Os americanos conmemoran nas rúas a morte de bin Laden, mentres nos países musulmáns outros oran polo home que consideran mártir. Como parte da Humanidade, se cadra non nos conviría a euforia pola execución sumaria de Bin Laden, nin a consternación pola súa morte. Os atentados de Nova York –nunca asumidos de forma explícita polo saudita– foron un crime brutal contra a Humanidade, como todos os actos de terrorismo ao longo das dúas últimas décadas. Mais a vinganza exercida polos comandos norteamericanos non pode ser aplaudida. Foi un acto de guerra, cometido contra a soberanía de Paquistán, desde o intre mesmo en que ao goberno de Islamabad non lle foi solicitada autorización previa para a operación –segundo informou o director da CIA, Leon Panetta.

Iso lévanos a outra lectura de John Donne: non pregunte que pobo foi prexudicado pola intervención militar norteamericana. Todos nós fomos prexudicados, non só por esa operación bélica e pola agresión a Libia, mais tamén, no pasado, pola intromisión, política, militar, económica, das elites que controlan o goberno de Wáshington, desde a guerra de anexión de territorios soberanos de México, promovida polo presidente Polk, en 1846. México perdeu a metade do seu territorio, e os Estados Unidos gañaron máis dun cuarto do que xa ocupaban no norte do hemisferio. Esa vitoria excitou a voracidade imperialista dos Estados Unidos, máis tarde explícita no fundamentalismo do “Destino Manifesto”.

Debemos ser cautelosos cando procuramos entender o momento actual. Comentaristas internacionais, baixo a calor destas horas, tentan pensar nas consecuencias inmediatas, e os hai que discuten se o home morto en Abbottab –o nome da cidade é un homenaxe ao xeneral James Abbott, que serviu nas forzas de ocupación da India no século XIX– é mesmo Bin Laden –que comezou a súa vida de combatente como aliado dos norteamericanos contra os soviéticos, no Afganistán dos anos 80. Fose el, ou non, importa pouco. Osama era só un símbolo, na clandestinidade imposta polas circunstancias. O que importa, e moito, é o que acontecerá non nos próximos días, que serán de pausa e perplexidade, mais sobre todo nos vindeiros meses e anos.

O perigo maior é o de que o conflito actual, iniciado coa ocupación de Palestina por Israel, mude realmente nunha guerra declarada entre os países capitalistas occidentais, que se identifican como cristiáns, e os musulmáns. Quen definiu a agresión como cruzada foi Bush, ao afirmar que Deus o convocara a matar Sadam. E conforme o libro clásico de Essad Bey, todos os movementos no Oriente Medio, entre eles a ocupación xudaica de Palestina, fanse na procura da posesión do seu petróleo. No pasado, o saqueo facíase en nome da “civilización” e, hogano, faise tamén en nome da “modernidade”.

No fondo do xúbilo, hai sementes de medo. Ese medo é moito máis poderoso do que foi o saudita, de 54 anos e, segundo informacións non desmentidas, a un tempo amigo e socio dos Bush nos negocios de petróleo.

Traduzido para galego por

Manoel Santos

ALTERMUNDO.org:

http://www.altermundo.org/a-semente-do-medo/

Nenhum comentário:

Postar um comentário