segunda-feira, 18 de julho de 2011

E ITALIA DIXO NON A BERLUSCONI

A derrota de Berlusconi, na recente consulta plebiscitaria, a pesar da crecente impopularidade do primeiro ministro, trouxo dúas sorpresas. A primeira delas foi a constatación de que, superando o nivel constitucional do 50 por cento, validou a consulta, e a segunda, a derrota das decisións do goberno pola inédita maioría do 95 por cento de media, nas catro cuestións propostas. Como se sabe, hai 16 anos que non se obtiña o quórum mínimo para anular unha lei ou decisión gobernamental.

Aínda que, dende o ollar da actualidade política, a masacrante vitoria da oposición sexa a de non á inmunidade –ou mellor, non á impunidade– de Berlusconi e dos seus ministros, os outros puntos da consulta golpean profundamente os postulados do neoliberalismo, sobre os que Berlusconi estableceu o seu poder.

O pobo dixo non á acelerada privatización da auga, pechando o paso á ampliada explotación dos recursos hídricos polas sociedades capitalistas, algunhas delas probabelmente estranxeiras, da mesma forma que se manifestou contra a enerxía nuclear.

Aínda que perdese, por dúas veces, a dirección do goberno cara a esquerda, é innegábel que a vida política italiana se desenvolveu, desde 1964, cando o poderoso e sospeitosísimo empresario gañou a súa primeira elección, en torno a Berlusconi. Non se discutían os proxectos de goberno, nin os fundamentos ideolóxicos da esquerda. A vida política oscilaba entre os berlusconianos e a esquerda. E Berlusconi administraba os intereses mafiosos do sur

cos altos intereses empresariais do Norte, reunidos en torno á Lega Lombarda, de inspiración separatista e neofascista.

O populismo é unha vella doenza italiana, e ten as súas raiceiras na vella república romana. Foi intelixente o expediente dos patricios, o de permitir o xurdimento de movementos desa natureza, a fin de servir de alivio ao inconformismo das masas –até certo punto. Houbo, no entanto, tanto á esquerda como á dereita, movementos dalgunha densidade, vencidos ben polas armas, ben pola reacción do propio pobo. O fascismo de Mussolini foi un deses movementos, máis serio polas condicións históricas que favorecían o ascenso da dereita, e tamén pola formación intelectual e ideolóxica do duce, fillo dun traballador socialista e dalgunhas letras, que lle deu o nome de Benito en homenaxe a Juárez, o revolucionario mexicano. Juárez morrera once anos antes do nacemento do líder italiano. É inmensa a distancia entre Mussolini e Berlusconi, o que dá a razón a Marx: as cousas acontecen primeiro como traxedia e, máis tarde, como farsa. Aínda que para Croce, Mussolini non pasou dun “pallaso”, a quen o rei entregara o poder, o duce era discreto no seu comportamento persoal e estaba protexido polo sistema totalitario, que preservaba a súa privacidade.

A derrota de Berlusconi é unha oportunidade para que os demócratas de esquerda atopen un proxecto común de poder.

Deben partir da dura realidade de que non foi o comportamento pervertido de Berlusconi o que promoveu a súa caída de popularidade e, probabelmente, o substraia do goberno de aquí a unha semana. O seu desprestixio é resultante da espantosa situación económica do país, que, á súa vez, débese ao neoliberalismo que está en dramática decadencia en todos os países que o inventaron e nos cales os gobernos que o sustentaron, dos Estados Unidos a Grecia, pasando pola Francia de Sarkozy, a España de Aznar e Zapatero, a Italia do astuto Berlusconi.

Italia e os seus veciños só terán estabilidade política se avanzan nas reformas, algunhas delas sinalizadas polo recente referendo. Unha esmagadora maioría dos italianos optou por máis estado e menos mercado, por máis empregos e menos lucros das empresas privadas. Mais a esquerda, no noso tempo, ten actuado como se o seu camiño ao poder teña que pasar necesariamente pola dereita.

Traduzido para galego por

Manoel Santos

ALTERMUNDO.org:

http://www.altermundo.org/wp-content/themes/rt_terrantribune_wp/images/altermundo2pdf/altermundo69.pdf

Nenhum comentário:

Postar um comentário